Violencia de xénero

A violencia de xénero é calquera agresión física, psicolóxica ou económica dirixida contra as mulleres polo feito de ser muller, non porque teñamos un modo de comportarnos que dea lugar a que isto ocorra.

Referímonos aos malos tratos no ámbito doméstico cando esta violencia é exercida polo marido, parella, noivo ou calquera outra persoa coa cal a muller ten relación de parentesco ou afectividade, e ten como resultado para ela un dano ou sufrimento psicolóxico, sexual ou físico.Os malos tratos son un camiño sen retorno, onde as relacións violentas non aparecen accidentalmente nin de xeito imprevisto. Os abusos e chantaxes emocionais poden ser o inicio dun longo proceso cíclico que pode rematar coa morte.
Existen diferentes tipos de violencia:

  • Violencia física: calquera acto de forza contra o corpo da muller, con resultado ou risco de producir lesión física ou dano, exercida por quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen estea ou estivese ligado a ela por análoga relación de afectividade, aínda que sen convivencia (definición extraída da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero). Exemplos de violencia física: golpes, tiróns de pelo, patadas, puñazos, dentadas, queimaduras, feridas con arma, sexa cal sexa, privación do coidado de médicos durante unha enfermidade, privar de comida, expulsar violentamente do fogar...
  • Violencia psicolóxica: admite múltiplas modalidades de agresións intelectuais ou morais e toda conduta verbal que produza a desvalorización na muller, é dicir, que teña como finalidade a anulación desta. Pode ser exercida por homes do seu contorno familiar ou ben laboral e social. Exemplos de violencia psicolóxica: ameazas, insultos, acusacións, control das amizades, desprezo, intimidación, ridiculización, etc.
  • Violencia económica: privación do acceso aos recursos para o benestar físico ou psicolóxico da muller e das súas fillas e fillos; falamos da desigualdade no acceso aos recursos dispoñibles no ámbito de convivencia da parella. Exemplos de violencia económica: restrinxir o acceso ás contas, a destrución por parte do maltratador de bens materiais da vítima (queimar o coche, a casa, etc.), a desigualdade no acceso aos recursos...
  • Violencia sexual e abusos sexuais: inclúe calquera acto de natureza sexual forzada polo agresor ou non consentida pola muller e abarca a imposición, mediante a forza ou con intimidación, de relacións sexuais non consentidas e o abuso sexual, con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella, afectiva ou de parentesco coa vítima.