Solo industrial

O parque empresarial de Acevedo, inaugurado en 1999 co máximo nivel de servizos, conta na actualidade cunha superficie aproximada de un millón de metros lineais.

Desde o comezo, o baixo prezo do seu solo foi un reclamo para moitas empresas, de tal xeito que após a súa posta en funcionamento, promovida por Xestur, sucedéronse moi pronto dúas novas ampliacións.
Na actualidade, e froito dun convenio asinado a finais de 2008 coa Consellaría de Vivenda e Solo que se encadra no Plan do carbón 2006-2012, a previsión dunha nova ampliación por parte de Xestur dotarao de 1.900.000 metros lineais máis.

Con esta previsión, mais a da construción dunha área industrial de 1.500.000 metros por parte de Fenosa, Cerceda disporá nun futuro próximo dunha superficie de solo industrial de 3.400.000 metros.

A diversificación de actividades das empresas que se instalaron no Acevedo é unha das características máis destacadas deste polígono, no que se asentaron empresas tanto do sector industrial como do sector servizos.

Ademais, o parque contou xa desde o principio con todos os servizos necesarios para a instalación de calquera actividade: electricidade, auga corrente, sumidoiros, telefonía por fibra óptica, etc... e continuou despois implementándose con instalacións de gas natural, terminal de carga de ferrocarril, etc...

Agora, e a través dun convenio asinado coa Consellaría de Innovación e Industria en xullo de 2008, o polígono vaise dotar tamén dunha liña de media tensión subterránea de 7,5 quilómetros de lonxitude con dobre circuíto desde a subestación de Meirama ata o centro de seccionamento do Alto do Vilar.

No que respecta ás súas comunicacións, e para melloralas aínda máis, existen xa proxectos de actuación para a estrada de Ordes a Cerceda por Virís e para a estrada Cerceda-Mesón do Vento por Cobeláns.