Artigos

O Concello recibe nun acto institucional ao xogador do Huesca, o cercedense Miguel Loureiro

O Concello de Cerceda recibiu esta mañá cun acto institucional a Miguel Loureiro, futbolista cercedense actualmente nas filas do Huesca, que fixo unha brillante temporada a pasada campaña na segunda división nacional, disputando 40 de 42 xornadas co equipo oscense.

Tivo lugar na mañá de hoxe, venres 28 de xuño, no salón de plenos do Concello e acudiron o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e parte dos integrantes do grupo de goberno e dos demais grupos da Corporación municipal. Tamén asistiron os pais e máis a avoa de Miguel Loureiro, así como outros veciños e veciñas de Cerceda.

O concelleiro de Deportes, Óscar Golán, repasou a traxectoria do deportista cercedense, que pasou por equipos coma o Bergantiños, o Deportivo de La Coruña, o Celta, o Córdoba ou o Andorra, antes de recalar no seu club actual, a S.D. Huesca. Ademais, foi recentemente convocado pola Selección Galega absoluta para xogar o partido amistoso contra Panamá. Golán destacou de Loureiro “a túa humildade, que demostras día a día; e tamén o teu grande esforzo, xunto co da túa familia”.

Loureiro, de 27 anos, amosouse “moi agradecido ao Concello de Cerceda” por este acto de recoñecemento. O futbolista, natural da parroquia de Rodís, afirmou que “este é un recoñecemento moi importante para min. Nunca imaxinei que representaría a Cerceda no fútbol profesional e é todo un orgullo sentir o apoio de todo o pobo comigo”.

Durante a súa intervención, non puido evitar emocionarse ao lembrar “todo o esforzo da miña familia, que me ensinaron dende pequeno a importancia do traballo e do esforzo, que son os que me permitiron estar hoxe aquí”. “Meus pais deixaron de lado os seus soños para que eu puidera facer realidade os meus”, rematou.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, destacou que “para nós é fundamental poñer en valor o deporte, porque máis alá do éxito, representa o esforzo”. “Miguel Loureiro é un fantástico embaixador do noso concello e unha persoa que leva o nome de Cerceda polo mundo”, subliñou Rodríguez.

Para rematar o acto, o alcalde fixo entrega a Loureiro dunha estatuíña como símbolo da homenaxe; mentres que o deportista entregou ao Concello unha das súas camisetas desta última temporada.