Artigos

O Concello avoga por un novo plan sectorial eólico e estuda presentar alegacións ao proxecto do parque eólico de Teixos e as súas infraestruturas de evacuación

O Concello de Cerceda avoga por un novo plan sectorial eólico e estuda presentar alegacións ao proxecto do parque eólico de Teixos e as súas infraestruturas de evacuación. Hoxe, xoves 24 de novembro, sométese a información pública a solicitude relacionada coa instalación, solicitada pola promotora Naturgy Renovables SL.

“A nosa posición é a favor da enerxía, pero de modo ordenado e moi respectuoso co medio”, afirma o alcalde, Juan Manuel Rodríguez.

“Os eólicos afastados dos núcleos ou situados en zonas industrializadas son os que poden atender a unha correcta ordenación do territorio, e demostrar compromiso co rural. Xa tivemos que saír ao paso con éxito nunha ocasión para defender o interese público e tentarémolo sempre que sexa necesario”, remarca o rexedor.

Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda, afirma que “tramitar non é aprobar. Somos conscientes da caducidade de puntos de conexión que xa botou abaixo distintos proxectos no territorio, así como tamén da gran especulación que se están dando cos territorios ocupados por tramitacións”, algo do cal “estamos totalmente en contra”.

Dito iso, sinala, “avogamos por un novo plan sectorial eólico, onde a enerxía eólica se desenvolva de modo ordenado e produtivo”.

 

Consulta aquí toda a información do parque eólico Teixos e as súas infraestruturas de evacuación.