Artigos

Cerceda, Tordoia e Trazo presentan o seu segundo obradoiro dual de emprego no ámbito forestal

Os Concellos de Cerceda, Tordoia e Trazo presentaron o seu segundo obradoiro dual de emprego conxunto, que formará ás e ós participantes en materia agroforestal. O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; a alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, e o rexedor de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, acudiron ao acto inaugural celebrado no municipio tracense. 

Este é un proxecto mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas e inscritas no servizo Público de Emprego de Galicia, que teñan unha idade superior aos 18 anos e está subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade. 

As especialidades que se impartirán serán: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, con 10 alumnas e alumnos; e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, con outras dez alumnas e alumnos. En total, do Concello de Cerceda participarán 8 persoas. Terá unha duración dun ano. 

No termo municipal cercedense, actuarase na área recreativa de Queixas, no Paseo Fluvial do Acevedo, na área recreativa de Meirama, na de Encrobas, na da Silva e na de Xesteda, así como no circuíto Motopark.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, salientou que “esta é unha oportunidade para a formación onde converxen beneficios mútuos, tanto para o alumnado como para as Administracións participantes”, e recalcou que “se trata de un exemplo de colaboración institucional”, amosándose sempre “disposto e atento a cada petición que me chegue das alumnas e alumnos, por suposto”.