Noticias

O Concello recibe as obras de rehabilitación enerxética do Museo do Moucho, que incrementan a súa calificación enerxética

O Concello de Cerceda recibiu esta mañá as obras de rehabilitación enerxética do Museo do Moucho, que contaron cun orzamento de 165.224, 74 euros.  O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, visitou esta mañá os traballos dun dos “edificios máis senlleiros do noso municipio, que acolle no seu seo actividade municipal para pequenos e maiores”.

Actuouse sobre as fachadas para incrementar o aillamento térmico e a ganancia térmica solar. Executouse colocando placas de bordo escalonado co respectivo morteiro e cor, e na planta baixa realizarase unha fachada ventilada cun aplacado pétreo para protexer mecanicamente a estrutura.

Substituíronse tamén as carpinterías de aluminio, sen rotura de ponte térmica, por outras novas que conseguirán un aforro notable no sistema de calefacción do Museo. En termos de certificación enerxética, a calificación final do proxecto mellora en dúas letras ás do edificio existente, actuando sobre a demanda global e a eficiencia do sistema de climatización. Pasará dunha clasificación C a A.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, destaca que “estamos moi satisfeitos das melloras en illamento e ganancia térmica solar, o cal permite maior eficiencia enerxética, e polo tanto aforro”, e incidiu que “tamén o benestar dentro das instalacións se incrementou substancialmente, algo que se percibe xa a día de hoxe na zona social, na de actividades e no museo. Temos agora un edificio acolledor, ademais cunha estética externa moito máis atractiva, á altura do que historicamente representou o Museo do Moucho para a conciencia colectiva cercedense”.