O Concello de Cerceda licitou nas últimas semanas importantes intervencións de servizos municipais por valor de 559.764,09 euros, incluídas en 5 proxectos distintos. Constan obras de diferentes tipos, como nun primeiro proxecto con beirarrúas no acceso ao colexio da Silva, na estrada que une este núcleo con Laracha; o camiño que une Carballás con Sandián; un camiño en Trigueira; a senda na zona do Museo da Minaría e un camiño en Arxoeira. Cun orzamento base de licitación dos 162.374,86 euros, melloraranse as infraestruturas mencionadas anteriormente con financiamento con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña.
Por outra banda, executarase a senda da estación Cerceda-Meirama; o camiño que une Sucadío e Caraballal; o camiño de entrada a Parada; a canalización de pluviais en Adro; a ampliación da senda peonil na DP-2405 e a optimización dun camiño en Carracedo. Este compendio de intervencións ten un orzamento base de licitación de 147.010,73 euros, atribuíbles ao POS da Deputación Provincial da Coruña.
Noutras das obras importantes que están en fase de licitación, atópase un novo sistema de depuración na Silva; o saneamento en Longo, Meirama; a instalación de tubaxes de saneamento e abastecemento en Pao do Lobo, en Queixas, por un orzamento base de licitación de 172.884,27 euros, con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña.
Por último, financiadas a través do AGADER e xa en execución neste momento, está o vial a Sobredafonte desde a AC-409, cun valor de 45.260,11 euros, e a mellora do acceso en Pazos-Adro, en Rodís, cun orzamento base de 32.234,12 euros.