Noticias

Cerceda despide a tempada de apertura do Aquapark rexistrando o terceiro mellor verán en dez anos en afluencia de público

O Concello de Cerceda despediu a tempada de apertura do Aquapark 2022 rexistrando o terceiro mellor verán en dez anos no que afluencia de público se refire, con 140.000 visitantes. Os días de máis afluencia resultaron o 10 de xullo, con 5.100 persoas usuarias; e o 9 de agosto, con 5.775 visitantes.

“Os números terían sido mellores si as condicións meteorolóxicas fosen favorables durante a segunda quincena de agosto”, admiten desde o Concello, aínda destacando “o balance positivo tras unha tempada que comezou con moitas incertezas, sendo a primeira posterior á pandemia”. 

A instalación recuperou as visitas escolares, campamentos, viaxes organizadas desde os diferentes municipios da comunidade galega, e tamén as actividades deportivas propias da programación estival municipal, a través do Verán Saudable.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, agradeceu “a implicación das persoas responsables para que o Aquapark de Cerceda continúe a ser unha instalación referente na comarca”, e sinalou que “toca agora traballar para preparar a tempada 2023 e acoller a todas as persoas que así o desexen poidan desfrutar no noso Aquapark”.