Noticias
- Categoría: Noticias
O Concello de Cerceda estreou esta tarde o renovado céspede artificial do anexo municipal do Roxo nun acto aberto ao público, no que a veciñanza puido comprobar por primeira vez a nova superficie. Á convocatoria acudiron clubs, deportistas e familias do municipio, xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e o concelleiro de Deportes, Óscar Golán.
A obra supuxo un investimento de 312.781,94 euros, dos que a Deputación da Coruña achegou o 80% (uns 250.000) e o Concello o restante con fondos propios. Permitiu substituír por completo o terreo de xogo, que acumulaba máis dunha década de uso intensivo, por un céspede artificial de última xeración e marcas para fútbol 11 e fútbol 7.
O alcalde defendeu que a actuación está chamada a ser a máis relevante das acometidas nas instalacións deportivas do municipio: “É enormemente importante polo servizo que dá, porque permite que todos os equipos poidan adestrar aquí e libera o resto de instalacións”. Rodríguez apuntou que o campo queda “nas mellores condicións para só ter que cinguirnos ao mantemento ata pasada a metade deste século”.
O rexedor puxo en valor o complexo do Roxo, “absolutamente privilexiado de cara ao fútbol afeccionado”, e lembrou que preto de 400 persoas federadas nos equipos do municipio empregan estas instalacións. Tamén agradeceu o respaldo da Deputación, salientando o papel clave da institución provincial no apoio dun concello en plena transición ecolóxica.
Formoso, pola súa banda, destacou a colaboración entre a institución provincial e os concellos para modernizar infraestruturas deportivas de uso cotián, e subliñou que a renovación permitirá ofrecer aos clubs e ás categorías de base “unhas instalacións máis modernas, seguras e adaptadas ás necesidades actuais”.
Céspede de última xeración
O terreo de xogo presentaba un deterioro acumulado que dificultaba a práctica deportiva e incluso aumentaba o risco de lesións. Ante esta situación, retirouse o antigo céspede e nivelouse a base asfáltica sobre a que se asentaba.
Posteriormente, colocouse unha lámina elástica que amortece os impactos e facilita a drenaxe, e enriba instalouse un céspede artificial de última xeración, máis resistente e con fibras que reproducen mellor as sensacións da herba natural. Completouse cun recheo de area e caucho, coa reparación da canaleta perimetral de drenaxe e coa nova marcaxe dun campo de fútbol 11 e dous de fútbol 7.
A intervención no Roxo enmárcase no traballo municipal de mellora das instalacións deportivas de Cerceda. O pleno aprobou en marzo a renovación do terreo de xogo do campo do Outeiro, na Silva, cun investimento de máis de 409.000 euros, e o Concello ten tamén en marcha melloras no campo de Rodís, co obxectivo de que os equipos do municipio conten con instalacións nas mellores condicións durante todo o ano.
- Categoría: Noticias
RESOLUCIÓN DEFINITIVA DA CONVOCATORIA DE AXUDAS MUNICIPAIS PARA A ESCOLARIZACIÓN CURSO 2026/2027 EXP: 2026/G003/000797
Visto o expediente 2025/A011/000002 tramitado neste Concello para a concesión das axudas municipais para a escolarización para o curso 2026/2027.
Considerando que a competencia para a resolución desta convocatoria atópase delegada na Xunta de Goberno Local.
Considerando a necesidade e urxencia de resolver o presente procedemento para proceder á publicación e xestión das axudas no menor tempo posible, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, estímase procedente advocar a dita competencia a favor desta Alcaldía .../...
>>> Ver documento completo decreto resolución (pdf, 106Kb)
XUSTIFICACIÓN DAS AXUDAS
O prazo para a presentación da documentación xustificativa do gasto subvencionable finalizará o 15 de outubro de 2026. A documentación remitirase preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello de Cerceda (https://sede.cerceda.es/sxc/gl/), ou ben mediante a súa presentación no Rexistro Xeral do Concello ou calquera das canles previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
A xustificación da axuda instrumentarase mediante a achega dos seguintes documentos:
- Solicitude de xustificación debidamente cumprimentada conforme ao modelo recollido no Anexo III
- Facturas acreditativas dos gastos realizados para o curso académico 2026/2027, as cales deberán estar datadas a partir do 1 de xuño de 2026.
As facturas deberán reunir os requisitos establecidos no Regulamento de facturación vixente e, especificamente:
Identificación completa da entidade emisora (Nome, razón social e NIF/CIF)
Desagregación do IVE ou imposto correspondente
Nome e NIF do beneficiario da axuda ou solicitante.
Relación pormenorizada de artigos, especificando o prezo unitario de cada concepto.
Número de factura, data, lugar de emisión e denominación expresa de “factura”, non sendo válidos os simples tiques de compra
Deberase acreditar de xeito efectivo o aboamento da factura mediante a achega de xustificantes de pago en efectivo ou por medios bancarios.
No caso de xustificación de material escolar e libros de texto, a factura deberá especificar expresamente “Xustificación de axudas a escolarización do Concello de Cerceda para o curso 2026/2027”. Aquelas facturas que non o expresen, non serán tidas en conta aos efectos de xustificación.
>>> Anexo III. Presentación xustificación (pfd,119kb)
- Categoría: Noticias
Os campos do Roxo volverán acoller a gran festa do fútbol cercedense coa terceira edición do Torneo de Fútbol do Concello de Cerceda, que este ano dá un paso adiante coa ampliación do seu formato. Ao cuadrangular sénior masculino súmanse agora unha final feminina e un triangular de veteranos, que repartirán a competición ao longo da fin de semana do 29 e 30 de agosto.
O acto de presentación contou coa presenza da tenente de alcalde de Cerceda, Catrina Queijo, e do concelleiro de Deportes, Óscar Golán, xunto con representantes dos cinco clubs federados do Concello.
A competición arrancará o sábado 29 de agosto co torneo sénior masculino, un cuadrangular no que tomarán parte o Rodís FC, o CCD Queixas, a SD San Martiño e o Club Atlético Cercedense. O balón botará a rodar ás 16:00 horas coa primeira semifinal entre o Rodís e o Queixas, seguida ás 17:00 horas do enfrontamento entre o San Martiño e o Cercedense. Ás 18:00 horas disputarase o partido polo terceiro e cuarto posto entre os dous equipos derrotados, e ás 19:00 horas chegará a gran final entre os dous gañadores. Os encontros deste cuadrangular serán de 45 minutos e, en caso de empate, resolveranse desde os penaltis.
Ese mesmo sábado, ás 20:00 horas, celebrarase por primeira vez unha final feminina que enfrontará ao Club Atlético Cercedense e, como convidado, ao Cabana, nun partido completo de 90 minutos que se resolverá en penaltis en caso de táboas no marcador.
A xornada do domingo 30 de agosto quedará reservada para o torneo de veteranos. Ás 10:30 horas abrirá a competición o duelo entre a S.D. San Martiño e o Rodís F.C. Ás 11:30 horas, o Cerceda Veteranos medirase co perdedor do primeiro partido, e ás 12:30 horas fará o propio co gañador. Estes encontros serán a 45 minutos, con penaltis ao final de cada un para desfacer un posible empate a puntos na clasificación final do torneo.
Golán destacou que a cita se engade a outras como o Torneo de Fútbol Base e salientou a evolución dunha cita que non deixa de medrar: "Este torneo naceu como unha festa do fútbol dos nosos clubs e cada ano vai a máis. Este ano damos un paso importante ao ampliar o formato con categoría feminina e de veteranos, para que sexa unha xornada na que participen cada vez máis persoas”.
O concelleiro animou tamén á veciñanza a encher as bancadas dos campos do Roxo: "Convidamos a todos os veciños e veciñas a achegarse estes dous días a apoiar os equipos do noso concello e a gozar dunha fin de semana de deporte cercedense para facer comunidade".

- Categoría: Noticias
O Concello de Cerceda organiza unha excursión ao Grove o sábado 26 de setembro. A saída será ás 9:15 de Cerceda, e incluirá unha visita ao Pazo Quinteiro da Cruz, unha mariscada en barco e unha parada en Sanxenxo na viaxe de regreso.
As inscricións estarán abertas dende as 9:00 horas do luns 10 de agosto ata as 14:00 horas do venres 14 de agosto. Poderanse presentar tanto nun formulario na páxina web municipal como de xeito presencial no Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
As prazas son limitadas e a viaxe ten un prezo de 40 euros por persoa.
- Categoría: Noticias
O Concello de Cerceda organiza unha peregrinación ao Santuario dos Milagres de Caión o domingo 6 de setembro. A saída terá lugar ás 07:00 horas dende o Campo da Feira de Cerceda, e o goberno municipal convida a toda a veciñanza a participar nesta cita, que contribuirá a facer comunidade entre os cercedenses.
A actividade inclúe avituallamento e chalecos de sinalización para garantir a seguridade e benestar dos participantes ao longo do percorrido. As persoas que desexen apuntarse poderán facelo do 17 ao 31 de agosto no Viveiro de Empresas (881 98 15 53).
Coa proposta, o Concello de Cerceda facilita a participación dos interesados e interesadas nunha das citas máis sentidas da zona, ao tempo que fomenta a convivencia e o encontro entre a veciñanza.
- Categoría: Noticias
Rematado o prazo para a presentar a documentación requirida e unha vez rematada a fase de instrución e verificación documental e, tal e como establece o artigo 11 da convocatoria das axudas, a Xunta de Goberno Local aprobou a listaxe provisional co resultado da avaliación individualizada de cada solicitude mediante a discriminación dos seguintes estados:
- Relación nominal de persoas que reúnen a totalidade dos requisitos e documentación exixida na convocatoria.
- Relación nominal das solicitudes que non cumpren os requisitos establecidos, indicando a causa motivadora que xustifica dita denegación.
As persoas interesadas teñen un prazo improrrogable de dez (10) días hábiles, computados a partir do día seguinte da publicación desta listaxe , para que poidan formular as alegacións que estimen procedentes ao abeiro do artigo 76 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No suposto de que non se presenten alegacións no prazo sinalado, a proposta provisional elevarase automaticamente a definitiva, procedendo o órgano competente á aprobación da resolución definitiva cos importes concedidos.
Máis información no Departamento de servizos sociais ou no teléfono 981 68 60 68
- Categoría: Noticias
O Concello de Cerceda avanza no seu compromiso cos espazos públicos e a seguridade viaria cun novo conxunto de actuacións para o segundo semestre de 2026 en distintos puntos do municipio. O obxectivo é afondar no mantemento, unha tarefa esencial para garantir a calidade de vida dos veciños e veciñas.
En agosto arrancará unha campaña de sinalización horizontal dotada con 15.000 euros: pasos de peóns, prazas para persoas con mobilidade reducida, prazas en batería e en liña, zonas de carga e descarga, vaos, símbolos de "ceda o paso", paradas de autobús e taxi e outras marcas viarias para mellorar a ordenación do tráfico e a seguridade.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, salientou a importancia de coidar o patrimonio viario existente: "Como alcalde debo dicir que levamos tempo facendo un esforzo por investir e crear novas infraestruturas, mais tamén é importante facer fincapé no mantemento do preexistente”.
Neste sentido, o rexedor recoñeceu que “cuestións como o pintado dos viais urbanos presentan a día de hoxe un claro marxe de mellora. Son pequenos detalles que significan moito no día a día. Por iso lle imos dar un lavado de cara, con cargo ao orzamento 2026 en vigor neste momento, que vai potenciar a imaxe do noso municipio".
Sinalización vertical, espazos peonís e traballos de roza
Tamén en agosto comezará renovarse a sinalización vertical, cunha primeira partida de 5.000 euros para sinais de STOP, limitacións e prohibicións, perigo, pasos de peóns, estacionamento reservado para persoas con mobilidade reducida, espellos viarios e pilonas, segundo as necesidades detectadas polos servizos técnicos municipais.
Tralos arranxos puntuais dos últimos meses, o Concello continuará renovando as beirarrúas do núcleo urbano, as beiravías e substituirá baldosas deterioradas nas rúas Tierno Galván, avenida de Galicia, avenida da Coruña e avenida do Mesón, para seguir despois noutras zonas do municipio. A campaña de reparación de firmes actuará inicialmente en Cobeláns e no polígono industrial, e a limpeza de gabias continuará nas Encrobas, Brazal, Rodís e Coence, mellorando a drenaxe e reducindo a vexetación nas marxes.
Nos traballos de roza combinaranse medios propios e contratación externa para completar as actuacións pendentes en Rodís e Monte Xalo, e continuará o mantemento en Xesteda, parcelas municipais e fincas destinadas a eventos do Concello. Así mesmo, os operarios reforzarán a limpeza en zonas peonís por mor do crecemento da vexetación propio desta época.
Todo isto forma parte da programación ordinaria de conservación das infraestruturas municipais e supón un importante esforzo de investimento para seguir mellorando a seguridade viaria, a accesibilidade e o estado dos espazos públicos en beneficio da veciñanza.
- Categoría: Noticias
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
ORDE do 23 de xuño de 2026 pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo.
>>> Ver ou descargar documento completo

- Categoría: Noticias

O Concello de Cerceda beneficiouse na convocatoria para o ano 2023 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalación de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU (código de procedemento IN422O), das seguintes actuacións:
- “Instalación dunha caldeira de pellets na Escola Infantil de Cerceda”(Solicitude IN422O-166).
Orzamento: 48.450,00 euros máis IVE
Contía da axuda: 24.000 euros .
- “Instalación dunha estufa de pellets na Escola Unitaria de Queixas, Cerceda”(Solicitude IN422O-165).
Orzamento: 2.630,00 euros máis IVE
Contía da axuda: 2.386,72 euros .
- Categoría: Noticias
O Concello de Cerceda recepcionou as obras correspondentes a dous contratos financiados pola Deputación da Coruña a través do Plan Único (POS+), cun investimento total que supera os 201.000 euros. As actuacións centráronse na mellora de viais e na canalización de redes de pluviais e de abastecemento.
O primeiro contrato, cun financiamento de 127.283,62 euros, incluíu a mellora dos accesos de Abelleira e Boedo, na parroquia de Queixas, onde se renovou o firme dun viario de 865 metros, canalizouse a rede de abastecemento de auga potable e consolidouse a calzada cun muro de pedra de granito. Desde o Concello avanzan que se producirán novas melloras.
Así mesmo, tamén se actuou en Brazal de Abaixo, na parroquia de Rodís, coa canalización da rede de pluviais, a execución de beiravías e un muro de formigón armado.
O segundo contrato, dotado con 73.884,78 euros, abrangue catro intervencións. En Sandián, canalizáronse as pluviais en ámbalas marxes do viario e adecuouse o firme. Nas localidades de Cova das Andes e Vilarvello, na parroquia de Rodís, mellorouse o firme con aglomerado en quente, e tamén se renovou un treito da rúa Gardería.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, salientou a relevancia destas actuacións: "Son obras que melloran o día a día dos veciños e veciñas, tanto na mobilidade como na seguridade viaria e nos servizos básicos. Desde o Concello seguimos a traballar para manter e mellorar as infraestruturas en todas as parroquias".


