O Goberno ten comprometidos 25 millóns de euros en Cerceda en materia de transición enerxética

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, recibiu hoxe no Concello ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. Ambos se reuniron para tratar asuntos clave para o desenvolvemento do municipio, como a transición enerxética -coa saída hoxe a audiencia pública do concurso de conexión a subestación de Meirama, que porá en valor proxectos industriais que fomenten o emprego, a formación e o autoconsumo- e os últimos investimentos nesta materia realizados e comprometidos polo Goberno no municipio, cuxa suma ascende a 25 millóns de euros. 

Rodríguez agradeceu ao delegado o compromiso amosado polo Goberno central con Cerceda e fixo un repaso das principais achegas deste no municipio. Nomeou, entre outras, as axudas para a transición ecolóxica, que “debe facerse dende o progreso e o equilibrio, onde cabe o beneficio privado pero tamén hai marxe para os ingresos públicos, o emprego e a sostibilidade”.

Mencionou tamén o PERTE para a planta de hidróxeno verde, que supón un investimento de 15 millóns; e os 3 millóns para axudas a proxectos empresariais, que apoian iniciativas por valor de 16 millóns de investimento e que xeran 60 empregos directos.

Puxo en valor o “impacto público das políticas do Estado no territorio”, destacando as relacionadas coa transición ecolóxica, que definiu como un “obxectivo irrenunciable en base ao cal se fundamenta o futuro desenvolvemento do noso municipio”. A este respecto, lembrou que “o Concello de Cerceda acaba de facer seis sendas peonís, rehabilitar o edificio público do Moucho e implantar luminarias de tecnoloxía LED en toda a parroquia de Xesteda grazas a fondos do IDAE” (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía).

Ademais, está a piques de comezar a construción da senda peonil que unirá os núcleos de Xermar a Ribasoutas, que tamén conta con financiamento estatal; e xa está concedida unha axuda de 1,2 millóns de euros para a instalación de placas fotovoltaicas no Aquapark cercedense, o que permitirá o autoconsumo desta infraestrutura.

Pola súa banda, Blanco remarcou que “o Goberno de España está facendo inversións reais en Cerceda”. Afirmou que a suma de todos os investimentos relacionados coa transición xusta no municipio ascende ata os 25 millóns de euros, “que van a tres eixos fundamentais: a planta de hidróxeno verde, a mellora da estación ferroviaria e na Vía Verde ata Santiago de Compostela”.

“O Goberno de España está cumprindo coa súa labor nesta materia”, subliñou o delegado, quen reclamou á Xunta de Galicia que “axilice a chegada deses 111 millóns de euros que xestiona e dos que aínda non se adxudicou nin o primeiro”.

Ademais, ás 12:00 horas realizouse un minuto de silencio en memoria das cinco vítimas de violencia de xénero desta fin de semana en España.