Xuntos polo Nadal

A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade organiza este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.

O programa levarase a cabo na Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense) entre o día 24 de decembro e o día 7 de xaneiro.

No caso de quedar prazas sen adxudicar, valorarase dar media quenda ( do 24 de decembro ao 30 de decembro ou do 31 de decembro ao 7 de xaneiro).

O programa comprende os seguintes servizos:

  • Estadía na residencia durante 15 días (14 noites)
  • Aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa. O aloxamento en cuartos individuais terá carácter EXCEPCIONAL, previo informe médico que acredite a súa necesidade.
  • Desprazamento en autobús dende Santiago de Compostela ata a Residencia de Tempo Libre do Carballiño e viceversa.
  • Actividades de animación sociocultural.

Requisitos:

  • Ter 60 anos, cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
  • Estar empadroado nalgún concello galego.
  • Vivir so no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal.
  • Valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía.

Recoméndase estar vacinado fronte a COVID-19 e a GRIPE segundo o calendario sanitario vixente.

Daráselle preferencia ás persoas que perdesen o seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos anos, os de maior idade, os de menor nivel de ingresos económicos e os que non participasen neste programa con anterioridade.

 

Prezo:

As persoas participantes asistirán de forma gratuíta, agás os gastos de desprazamento ata o lugar de recollida do autobús e viceversa.

Prazo:

Ata o día 25 de novembro de 2024