O Concello súmase ó protocolo de asistencia técnica e participación das Administracións no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España

O Concello de Cerceda vén de sumarse ó protocolo de adhesión ó servizo de asistencia técnica e dinamización da participación das Administracións públicas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España, no que están recollidos cinco grupos de actividades incluídas no servizo e ás que se pode optar ó completo ou parcialmente, unha vez asinada a documentación. 

Estas actividades son: dinamización da participación das Administracións públicas no PRTR e soporte á tramitación da adhesión do servizo; asistencia técnica na participación, seguimento e execución de subproxectos; asistencia técnica no emprego do sistema de información integrado (COFFEE); asistencia técnica no cumprimento das obrigacións de xestión do PRTR e recompilación e difusión de boas prácticas. 

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, indica que “con fondos do IDAE vimos de afrontar un mandato con melloras moi importantes en iluminación, mobilidade peonil e aforro enerxético”. 

Neste sentido, explica o rexedor, “este último é de especial transcendencia, dado que sempre libera recursos para investir en favor das veciñas e dos veciños. De cara aos vindeiros catro anos, a día de hoxe xa temos garantidos uns 5 millóns de euros en investimento comprometidos por distintas liñas de axudas, dos cales 2,5 millóns fan directamente fincapé no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”.

Rodríguez avanza que “inclúense aquí proxectos de tal importancia e magnitude como os que estamos barallando, os referentes á renovación no Paseo Fluvial, Aquapark ou a senda Ribasoutas-Xermar, e a nosa adhesión á asistencia técnica non é máis que un proceso lóxico para seguir estando á vangarda e non deixar nada ao azar. Boa parte do futuro de Cerceda, en distintos ámbitos, pasa por este precepto”.