O Concello recepciona as obras de reforma do renovado Edificio Social de Xesteda

O Concello de Cerceda recepcionou hoxe as obras de renovación do interior do edificio municipal que se atopa preto da área recreativa de Xesteda para convertilo nun Centro Social e Cultural, nun proxecto que pretende dinamizar a parroquia, dando servizo e actividade á súa poboación cunha instalación acorde ás necesidades demandadas pola veciñanza.

Supuxo un investimento de 131.658,90 euros, dos que 77.798,00 euros foron aportados polo Instituto Para la Transición Justa (ITJ) e o resto o AGADER e fondos municipais. 

O obxectivo do goberno local é que o inmoble acolla actividades de todo tipo, e para todas as idades, de diversa índole como culturais, educativas, lúdicas e asociativas, xa que actualmente esta parroquia non conta con ningún local destas características. O miúdo desta actividade será protagonizado pola Asociación de Mulleres da parroquia.

Así, actuouse no acceso cara o primeiro andar desde o exterior polo baixo. No que se refire o interior, adecuáronse os espazos referentes o vestíbulo de acceso, o aseo da planta baixa, o almacén da planta baixa, o vestíbulo e o aseo da primeira planta e as dúas salas multiusos do primeiro andar.

Tamén se executaron todos os acabados interiores, en tarima de madeira laminada nas salas multiusos do primeiro andar, e en gres cerámico nos restantes espazos. Colocáronse elementos de illamento térmico nas fachadas e realizouse unha renovación total da carpintaría e executaranse as instalacións de fontanaría, saneamento, baixa tensión e alumeado.

O alcalde, Juan Rodríguez, acudiu hoxe á recepción dunhas obras “coas que queremos dinamizar a vida asociativa, cultural e lúdica de Xesteda en particular e do noso municipio en xeral”, facendo fincapé no feito de que “antonte, 15 de outubro, foi o Día da Muller Rural, e aquí en Xesteda temos unha Asociación de mulleres que levarán a maioría do peso na programación que acolla esta renovada edificación”, anotou o rexedor.

“Si agora mesmo sacamos unha imaxe fixa do que viña a ser Xesteda ao inicio deste mandato, o impulso que se lle dou en distintos ámbitos, é certo que é moi gráfica. Está moi claro o gran avance que viviu esta parroquia, sendo algo que facemos extensible ao resto do territorio de Cerceda”, finalizou Rodríguez.