O Concello de Cerceda porá en marcha nas vindeiras semanas os traballos de limpeza de cunetas na contorna da Baixa e as melloras de saneamento en Piñeiro, que contarán cun orzamento de máis de 35.000 euros e preténdese con estas facer un mellor tratamento das augas pluviais e ampliar a rede do servizo de saneamento neste núcleo de poboación.
Respecto á primeira, a intención do goberno municipal é realizar unha mellora integral nas cunetas coa súa limpeza nas principais entradas da Baixa de Cerceda, tanto na estrada que parte do cemiterio da igrexa de Cerceda como a do Esperón, confluíndo na Ponte Cristina e na zona do Carballal. Proxéctase a habilitación das zonas máis afectadas mediante formigón para dar solución ao tema das augas pluviais nas zonas máis afectadas e que suporá, en todo caso, unha mellora estrutural na zona.
En segundo termo, proxéctase ampliar a rede de saneamento en Piñeiro mediante 640 metros de tubaxes de PVC e 12 pozos de rexistro en calzada, previa escavación de zanxa e demolicións de pavimento. Reporase este en zahorra, formigón e aglomerado.
O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, sinala que “buscamos adiantar a solución a un problema estacionario como son as augas de escorrentía, que poden provocar situacións indesexadas na rede de estradas municipal, que agardemos queden solucionadas con estas intervencións nos puntos de entrada á Baixa de Cerceda”.