O Concello de Cerceda fai un balance positivo dun XVIII Torneo de Fútbol Base de récord, con máis de 4.000 persoas durante os tres días de competición

O Concello de Cerceda fai un balance positivo do XVIII Torneo de Fútbol Base, que pechou unha edición de récord. Ao longo de tres días de competición, os campos do Roxo acolleron preto de 1.100 xogadores e xogadoras e unhas 4.000 persoas entre participantes, familias e afeccionados, coroando a cita como un dos grandes eventos do deporte base na comarca.

O torneo, organizado polo Concello en colaboración co Atlético Cercedense, a Federación Galega de Fútbol e a Asociación Coruñesa de Epilepsia, estivo marcado este ano pola incorporación dunha nova categoría biberón, que se sumou ás de prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes.

O venres arrincou a competición coa estrea da categoría biberón. O sábado disputáronse os encontros de alevíns, infantís e cadetes, e o domingo foi a quenda de prebenxamíns e benxamíns. En total, tomaron parte 56 equipos procedentes de diversos puntos da provincia.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento do torneo: "Estamos moi satisfeitos co resultado desta decimoitava edición. Ver os campos do Roxo cheos de nenos e nenas xogando ao fútbol durante tres días é o mellor reflexo da importancia que cobrou esta cita".

O rexedor tamén destacou “a aposta do Concello pola promoción do deporte base, polos valores de convivencia e compañeirismo que inculca nos máis pequenos e pequenas, xusto nunha etapa na que se están formando como persoas”. Por último, quixo agradecer "o traballo descomunal de todos os que colaboraron organizando a competición".

Xestión de cookies
Usamos cookies para garantir que teña a mellor experiencia na nosa web. Se recusar o uso de cookies, esta web pode non funcionar como esperado.
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Unknown
Unknown
Aceptar
Rexeitar
Gardar