O Concello de Cerceda acondicionará o edificio preto da área recreativa de Xesteda para convertilo nun centro social

O Concello de Cerceda acondicionará o interior do edificio municipal que se atopa preto da área recreativa de Xesteda para convertilo nun centro social e cultural, nun proxecto que pretende dinamizar a parroquia, dando servizo e actividade á súa poboación cunha instalación acorde ás necesidades demandadas pola veciñanza.

No mesmo, está previsto que se desenvolvan actividades de todo tipo, de diversa índole como culturais, educativas, lúdicas e asociativas, xa que actualmente esta parroquia non conta con ningún local destas características. Estará pensado para todas as idades.

Así, actuarase no acceso cara o primeiro andar desde o exterior polo baixo, así como un espazo fóra que servirá como aparcadoiro. No que se refire o interior, adecuaranse os espazos referentes o vestíbulo de acceso, o aseo da planta baixa, o almacén da planta baixa, o vestíbulo e o aseo da primeira planta e as dúas salas multiusos do primeiro andar.

Tamén se executarán todos os acabados interiores, en tarima de madeira laminada nas salas multiusos do primeiro andar, e en gres cerámico nos restantes espazos. Colocaranse elementos de illamento térmico nas fachadas. Realizarase unha renovación total da carpintaría e executaranse as instalacións de fontanaría, saneamento, baixa tensión e alumeado.

O alcalde, Juan Rodríguez, anuncia que “se trata dunha intervención coa que queremos continuar dinamizando a vida asociativa, cultural e lúdica no noso municipio”, di o rexedor, quen achega que “ cremos que este edificiovcolmará as demandas das veciñas e veciños da zona”.