O Club Natación Cerceda e o Concello organizan o III Trofeo de Salvamento e Socorrismo “Concello de Cerceda”, que se celebrará o vindeiro 11 de abril coa colaboración da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA). Ao acto de presentación celebrado este mércores asistiron o alcalde, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán, e Ana Gende, directiva do club.
A terceira edición desta cita desenvolverase na Piscina Municipal, co inicio das probas competitivas previsto para as 10:00 horas da mañá. Participarán nadadoras e nadadores de categoría infantil, cadete e absoluta, e mediranse en modalidades como remolque de manequín, natación con aletas ou socorrista mixto, dependendo da idade.
As inscricións están abertas aos membros do Club de Natación de Cerceda, e aos integrantes doutros clubs galegos que tamén desexen participar. Deben formalizarse na aplicación web da FESSGA antes do 8 de abril por un custo de 2 euros.
O alcalde destacou que “na pasada edición chegamos ao cento de participantes, o que demostra o interese pola proba tanto en Cerceda como en clubes doutras localidades”. Así mesmo, subliñou a importancia de competir na casa, sinalando que “para os nosos deportistas é unha oportunidade moi especial poder medirse diante da súa xente”. Neste sentido, o alcalde convidou “a deportistas, familias, e veciñanza a gozar desta xornada de deporte, sexan de Cerceda ou doutros concellos”.


