O Concello de Cerceda estreou esta tarde o renovado céspede artificial do anexo municipal do Roxo nun acto aberto ao público, no que a veciñanza puido comprobar por primeira vez a nova superficie. Á convocatoria acudiron clubs, deportistas e familias do municipio, xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e o concelleiro de Deportes, Óscar Golán.
A obra supuxo un investimento de 312.781,94 euros, dos que a Deputación da Coruña achegou o 80% (uns 250.000) e o Concello o restante con fondos propios. Permitiu substituír por completo o terreo de xogo, que acumulaba máis dunha década de uso intensivo, por un céspede artificial de última xeración e marcas para fútbol 11 e fútbol 7.
O alcalde defendeu que a actuación está chamada a ser a máis relevante das acometidas nas instalacións deportivas do municipio: “É enormemente importante polo servizo que dá, porque permite que todos os equipos poidan adestrar aquí e libera o resto de instalacións”. Rodríguez apuntou que o campo queda “nas mellores condicións para só ter que cinguirnos ao mantemento ata pasada a metade deste século”.
O rexedor puxo en valor o complexo do Roxo, “absolutamente privilexiado de cara ao fútbol afeccionado”, e lembrou que preto de 400 persoas federadas nos equipos do municipio empregan estas instalacións. Tamén agradeceu o respaldo da Deputación, salientando o papel clave da institución provincial no apoio dun concello en plena transición ecolóxica.
Formoso, pola súa banda, destacou a colaboración entre a institución provincial e os concellos para modernizar infraestruturas deportivas de uso cotián, e subliñou que a renovación permitirá ofrecer aos clubs e ás categorías de base “unhas instalacións máis modernas, seguras e adaptadas ás necesidades actuais”.
Céspede de última xeración
O terreo de xogo presentaba un deterioro acumulado que dificultaba a práctica deportiva e incluso aumentaba o risco de lesións. Ante esta situación, retirouse o antigo céspede e nivelouse a base asfáltica sobre a que se asentaba.
Posteriormente, colocouse unha lámina elástica que amortece os impactos e facilita a drenaxe, e enriba instalouse un céspede artificial de última xeración, máis resistente e con fibras que reproducen mellor as sensacións da herba natural. Completouse cun recheo de area e caucho, coa reparación da canaleta perimetral de drenaxe e coa nova marcaxe dun campo de fútbol 11 e dous de fútbol 7.
A intervención no Roxo enmárcase no traballo municipal de mellora das instalacións deportivas de Cerceda. O pleno aprobou en marzo a renovación do terreo de xogo do campo do Outeiro, na Silva, cun investimento de máis de 409.000 euros, e o Concello ten tamén en marcha melloras no campo de Rodís, co obxectivo de que os equipos do municipio conten con instalacións nas mellores condicións durante todo o ano.


