O Aquapark de Cerceda afiánzase como referente en Galicia tras pechar o verán con 131.000 usuarios

O Aquapark de Cerceda pechou o verán coa visita de 131.000 usuarios e usuarias, nunha tempada que se desenvolveu entre o 10 de xuño e o 6 de setembro. O balance é positivo tanto polas cifras de visitantes como polo desenvolvemento da propia tempada, marcada por unha entrada diaria moi estable.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, valorou positivamente o resultado destes tres meses: “Superar os 131.000 usuarios confirma que o Aquapark segue sendo un referente en Galicia e un motor de actividade económica e de emprego para o municipio durante todo o verán”.

Ao bo balance, o rexedor avanzou tamén as melloras previstas para a vindeira campaña: “De cara a 2027 imos ter en funcionamento o novo sistema de placas solares, que nos van permitir elevar a temperatura da auga e gañar en confort para as persoas que nos visitan. Temos gana de poñelas en marcha despois desta excelente tempada”.

Os días de maior afluencia foron o 28 de xullo e o 18 de agosto, ambos os dous martes, a xornada que adoita concentrar a maior concorrencia da semana sempre que o tempo acompaña. Nese sentido, a meteoroloxía foi favorable no conxunto do verán. Con todo, parte das mañás amenceron cubertas, un factor que inflúe de xeito directo na afluencia. A iso sumouse a choiva na última semana de agosto, unha das que rexistran máis público.

Por outra banda, o mes de xuño destacou polo bo tempo, o que permitiu que todos os grupos escolares con reserva puidesen gozar das instalacións. Trátase dun público especialmente valorado polo parque, xa que moitos nenos e nenas non terían a oportunidade de coñecer o recinto se non fose polas saídas organizadas polos centros educativos.

O Aquapark de Cerceda, referencia en Galicia, conta con 37.000 metros cadrados que acollen unha gran variedade de atraccións, desde piscinas de ondas a tobogáns xigantes para todas as idades, así como unha ampla zona verde de lecer.

Xestión de cookies
Usamos cookies para garantir que teña a mellor experiencia na nosa web. Se recusar o uso de cookies, esta web pode non funcionar como esperado.
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Unknown
Unknown
Aceptar
Rexeitar
Gardar