Cerceda recibe o comezo dos trámites do concurso do nó de Transición Xusta de Meirama

O Concello de Cerceda recibiu hoxe de bo grao o comezo do concurso do nó de Transición Xusta de Meirama. Son proxectos onde a capacidade de acceso á rede eléctrica, liberada tras o peche de centrais térmicas, adxudícase mediante concurso para que sexa empregada por novas centrais de enerxías renovables. 

O Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO) fai pública hoxe unha consulta sobre esta cuestión, un trámite que busca coñecer  a opinión das empresas que poderían formar parte do concurso antes de elaborar as bases deste proxecto, enfocado nas enerxías limpas.

Ábrese agora un período de participación e consulta no que as compañías interesadas enviarán as súas propostas. Os principais obxectivos deste nó son: xeración de emprego a longo prazo mediante proxectos asociados, autoconsumo para a cidadanía e empresas, plans de formación e recualificación de traballadoras e traballadores.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, asume que “desde hai tempo que resaltamos ante o Instituto de Transición Xusta a urxencia de habilitar conexión á rede eléctrica, de cara a converter en realidade os proxectos enerxéticos do territorio. Por iso hoxe estamos especialmente felices”, recalca. 

“Acaba de publicarse a consulta previa á elaboración das bases do concurso de acceso ao nó de transición xusta de Meirama, un proceso que vai facer fincapénos factores que levamos ano reivindicando: beneficios socioeconómicos, sustentabilidade, autoconsumo para a cidadanía e empresas, xeración de emprego e plans de formación, valores que van a ser prioritarios. Que a reindustrialización deixe unha pegada positiva para o conxunto da veciñanza, non é só a nosa idea, é tamén a nosa razón de ser e estar”.