Cerceda presenta a cuarta edición da carreira de obstáculos Poseidon Race, á que se suma unha proba solidaria

O Concello de Cerceda presentou esta mañá a cuarta edición da proba deportiva Poseidon Race organizada polo club local OCR Cerceda en colaboración coa Administración local. Esta proba deportiva consiste nunha carreira de obstáculos que terá lugar o 31 de maio no Aquapark cercedense e as súas inmediacións.

A proba deuse a coñecer hoxe no salón de plenos da Casa do Concello e no acto interviñeron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán e Álvaro Sánchez e Carlos Abal, do club OCR Cerceda.

A carreira contará coas categorías Elite, Starter, Parellas e Popular. A principal novidade deste ano é a celebración do Poseidon Cross Solidario a favor de ACEM, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltple.  

A primeira terá un percorrido de 10 quilómetros e 60 obstáculos, namentres que as restantes será de 8 quilómetros. O número total de obstáculos serán de 50 para a quenda Starter e 45 para a Popular. Serán, como de costume, probas de suspensión, forza, equilibrio, puntería e axilidade.

A primeira categoría que tomará a saída será a Elite e a saída producirase ás 14:00 horas. A continuación, ás 15:20 horas, arrincarán os ‘starters’; as parellas ás 15:40 horas e a Popular das 16:00 horas en diante.

Esta proba forma parte da Liga OCRA Galicia, Liga Nacional AOCO, Liga North Finals e será clasificatoria para o mundial OCRW.

 

Inscricións

Para formar parte da proba, as persoas interesadas deberán apuntarse a través da páxina www.ccnorte.com.En Cerceda daranse cita os mellores atletas nacionais e internacionais deste tipo de carreiras con deportistas de elite chegados dende países como Portugal, Dinamarca, Bélxica, Sudáfrica ou Alemaña. Por algo é considerada, a nivel elite, como unha das carreiras máis esixentes e completas de Europa.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, subliñou “a aposta decidida deste goberno pola colaboración con este tipo de eventos, que fomentan o deporte e que lle dan visibilidade a recursos naturais que son de moito interese para nós”. 

O presidente do club organizador da carreira, Álvaro Sánchez, agradeceu novamente a colaboración do Concello, pois “sen a súa axuda sería totalmente imposible darlle ao evento a magnitude que ten a día de hoxe, e agardamos seguir facéndoo medrar”. 

Xestión de cookies
Usamos cookies para garantir que teña a mellor experiencia na nosa web. Se recusar o uso de cookies, esta web pode non funcionar como esperado.
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Unknown
Unknown
Aceptar
Rexeitar
Gardar