Cerceda acollerá o vindeiro 22 de outubro o concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Margarida Mariño en Pontoxo

Cerceda será escenario o vindeiro 22 de outubro dun recital único, protagonizado por Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Margarida Mariño. Celebrarase no lugar de Pontoxo ás 20:00 horas, con entrada libre ata completar aforo. Trátase dun evento promovido polo Instituto para a Transición Xusta.

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre tocarán nun poderoso directo no que tanto o autor como as 10 cantoras e percusionistas que o acompañan cativarán ao púlibco presente. Presentarán ‘As catedrais silenciadas’, o terceiro e más recente traballo que reflexiona sobre a despoboación, o abandono do rural e o perigo de perder a identidade e a cultura propia nunha sociedade como a galega. 

Margarida Mariño presentou en 2020 o seu traballo en solitario Cello&Electronics, fusionando o violoncello clásico cos pedais de efectos, voces, loops e electrónica. O proxecto presentouse no WOS Festival e desde entonces percorreu cunha boa acollida escenarios como Prinsenktartier en Delft, Onder aan de Dijk en Rotterdam, o Teatro Colón na Coruña ou o Auditorio Conde Duque en Madrid.