Cerceda acollerá as mellores canteiras do noroeste peninsular co Torneo Internacional de Fútbol Base SUB9 & SUB11 Cup

Os campos de fútbol do Roxo será escenario os días 20 e 21 de xuño do Torneo Internacional de Fútbol Base SUB9 & SUB11 CUP, organizado por Tadi Sports coa colaboración do Concello de Cerceda. A competición chega á súa III edición na categoría Sub-9 e estreará a primeira edición da Sub-11. Na presentación participaron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Óscar Golán, e Adrián Cagigao e Diego Martínez, por parte de Tadi Sports. 

O torneo reunirá as mellores canteiras do noroeste peninsular. Entre os equipos confirmados figuran o Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo, o Real Oviedo, o FC Porto, o Sporting Clube de Braga, o Vitória de Guimarães, o CD Lugo e o Racing de Ferrol, entre outros. O Atlético Cercedense tamén competirá, exercendo como anfitrión.

Na categoría Sub-9 participan 20 equipos e na Sub-11, 24, cunha fase de grupos e dúas fases finais dependendo da clasificación en cada grupo: unha fase Ouro para os primeiros e unha fase Prata para o resto. Os partidos durarán 20 minutos a tempo corrido, agás as semifinais (un tempo de 25 minutos) e a final (dous tempos de 15 minutos).

O torneo tamén outorgará distincións ao mellor adestrador e á mellor afección. As entradas poden adquirirse en www.tadisports.com. As instalacións contarán con servizos de comida, xeadería, cantina e sorteos de premios, como camisolas asinadas polos xogadores do primeiro equipo dos clubs participantes.

O alcalde destacou que "é un orgullo para Cerceda acoller un torneo internacional desta magnitude. Dende o Concello apostamos polo deporte base como ferramenta de formación e convivencia, e citas coma esta sitúannos no mapa".

Dende o Concello animan a toda a veciñanza a achegarse ao torneo, animar aos xogadores e gozar co seu talento nas etapas formativas.

Xestión de cookies
Usamos cookies para garantir que teña a mellor experiencia na nosa web. Se recusar o uso de cookies, esta web pode non funcionar como esperado.
Aceptar todas
Rexeitar todas
Ler máis
Unknown
Unknown
Aceptar
Rexeitar
Gardar