A veciñanza de Cerceda está máis preto da administración dixital dende este martes. O Viveiro de Empresas acolleu a xornada ‘A Administración, preto de ti’, organizada pola Subdelegación do Goberno na Coruña en colaboración co Concello de Cerceda.
Na formación, conducida por empregados públicos da Subdelegación, os asistentes escoitaron unha exposición das posibilidades que ofrece a Administración electrónica, repasando os trámites e xestións máis habituais. Tamén puideron formular as súas dúbidas, obter cadanseu certificado dixital e recibir consellos de ciberseguridade.
Na presentación interviñeron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Comunicación, Catrina Queijo.
O rexedor destacou que o lema da actividade “explica a filosofía deste acto”. Lembrou que o Concello “sempre pode exercer como enlace” coas institucións en determinadas materias, pero que onde non pode intervir, a Administración electrónica é de gran utilidade para o cidadán. Por iso, salientou que “como Concello sempre estamos a favor deste tipo de iniciativas. Temos as portas abertas”.
Pola súa parte, o subdelegado sinalou que actualmente se pode “acceder a practicamente todos os trámites no móbil” e subliñou o esforzo do Goberno neste tipo de iniciativas, que ofrecen á cidadanía a posibilidade de “evitar desprazarse á oficina ou ao rexistro para interactuar coa Administración”.
O servizo ‘A Administración, preto de ti’ é unha iniciativa do Goberno central que achega sesións informativas arredor da Administración dixital. A súa finalidade é acompañar aos veciños e veciñas no acceso a estes trámites, orientándoos na obtención de credenciais como a Cl@ve Permanente ou os certificados electrónicos, ferramentas que lles permiten relacionarse coas institucións de xeito máis áxil, seguro e autónomo.


