Noticias
Con data 21 de abril foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña nº73 as bases da convocatoria das axudas ao fomento da natalidade e para o asentamento poboacional do Concello de Cerceda para a anualidade 2026.
Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases das axudas económicas ás familias do Concello de Cerceda, co obxecto de impulsar estratexias para fixar e fomentar o aumento da poboación municipal e o seu rexuvenecemento, evitando o despoboamento rural.
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas os proxenitores ou, no seu caso, as familias acolledoras dos menores nacidos, adoptados ou acollidos entre o 1 de novembro do ano 2025 e o 30 de outubro do ano 2026.
Para máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 686 068
Cerceda acollerá o vindeiro 16 de maio a quinta edición da Poseidon Race, unha carreira de obstáculos (OCR) organizada polo club OCR Cerceda coa colaboración do Concello e da Deputación da Coruña. Este mediodía tivo lugar o acto de presentación da proba, ao que asistiron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán, e o presidente da entidade deportiva, Álvaro Sánchez.
A organización agarda unha participación de preto de 800 persoas, consolidando a cita como unha das máis destacadas do calendario nacional e europeo. A competición inclúe as categorías Elite, Starter, Popular Parellas e Popular Party. As carreiras comezarán ás 14:00 horas coa saída da categoría Elite, rematando arredor das 20:00 horas coa entrega de premios das categorías populares.
A competición desenvolverase no Aquapark de Cerceda e nas súas inmediacións, un escenario que reforza o atractivo do evento ao combinar as instalacións acuáticas coa contorna natural.
A categoría Elite afrontará un percorrido de 10 quilómetros, mentres que as categorías Starter e Popular completarán 8 quilómetros, con arredor de 70 obstáculos ao longo do circuíto. Nas categorías populares estímase a participación de máis de 500 persoas, nun formato que fomenta o traballo en equipo ao permitirse a axuda entre competidores.
Inscricións e participantes
As persoas interesadas en inscribirse poden apuntarse na páxina web www.ccnorte.com. A recollida de dorsais terá lugar o propio día do evento, na zona de saída, a partir das 12:00 horas.
Está prevista a participación de atletas de numerosos países, entre eles Portugal, Venezuela, Colombia, Estonia, Bélxica, Dinamarca, Francia, Panamá, Chequia, Letonia, Polonia, Suíza ou Italia. De feito, a Poseidon Race será puntuable para as ligas Nacional AOCO, North Finals e para a clasificatoria do campionato do mundo OCRWC, o que dá mostra da súa relevancia.
O alcalde de Cerceda agradeceu o traballo do club e destacou a “total disposición” do Concello a apoiar citas deportivas como a Poseidon Race, que “contribúen a promover o deporte e a poñer en valor espazos como o Aquapark, ademais de proxectar Cerceda a nivel nacional e internacional”.
Pola súa banda, desde o club tamén agradeceron o apoio do Concello e da Deputación, “sen os que sería imposible celebrar un evento desta magnitude”.
A Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais, establece que se vostede é titular/propietario de solares ou parcelas situadas en solo urbano, urbanizable e núcleo rural, ten a obriga de mantelas nun axeitado estado de limpeza e coa masa vexetal desbrozada antes do día 31 de maio de cada ano e do seguinte xeito ...
O Club Natación Cerceda e o Concello organizan o III Trofeo de Salvamento e Socorrismo “Concello de Cerceda”, que se celebrará o vindeiro 11 de abril coa colaboración da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA). Ao acto de presentación celebrado este mércores asistiron o alcalde, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán, e Ana Gende, directiva do club.
A terceira edición desta cita desenvolverase na Piscina Municipal, co inicio das probas competitivas previsto para as 10:00 horas da mañá. Participarán nadadoras e nadadores de categoría infantil, cadete e absoluta, e mediranse en modalidades como remolque de manequín, natación con aletas ou socorrista mixto, dependendo da idade.
As inscricións están abertas aos membros do Club de Natación de Cerceda, e aos integrantes doutros clubs galegos que tamén desexen participar. Deben formalizarse na aplicación web da FESSGA antes do 8 de abril por un custo de 2 euros.
O alcalde destacou que “na pasada edición chegamos ao cento de participantes, o que demostra o interese pola proba tanto en Cerceda como en clubes doutras localidades”. Así mesmo, subliñou a importancia de competir na casa, sinalando que “para os nosos deportistas é unha oportunidade moi especial poder medirse diante da súa xente”. Neste sentido, o alcalde convidou “a deportistas, familias, e veciñanza a gozar desta xornada de deporte, sexan de Cerceda ou doutros concellos”.
A Unidade Móbil 02 de inspección técnica de TURISMOS desplazarase ao Concello de CERCEDA nas seguintes datas e ubicacións:
- Do 06/05/2026 ao 08/05/2026 Entrada Aquapark (Cerceda).
O horario de atención será de 9:00 a 13:30 pola mañá, e de 15:15 a 18:00 pola tarde. O servizo prestarase en horario de mañán e tarde todos os días, agás:
- 08/05/2026 que será horario só de mañá.
Para solicitar cita previa:
- Por teléfono: 981 92 80 80
- A través da nosa páxina web: www.sycitv.com - Cita previa.
O próximo día 28/04/2026 farase unha nova recollida de plástico agrícola nas diferentes explotación agrícolas e gandeiras do Concello de Cerceda.
O procedemento para solicitar a recollida é o seguinte:
1. Os interesados deben chamar ao 881 04 67 76 para solicitar o servizo indicando a cantidade a recoller e os datos do punto de recollida.
2. O plástico debe estar nun lugar que sexa accesible para o camión encargado da carga con grúa, nun único punto de carga dentro da explotación.
3. O plástico debe estar limpo, sen residuos e atado en fardos (senón é así non se poderá efectuar a recollida)
O Viveiro de Empresas de Cerceda acolleu este luns a xornada “Conectando Persoas, Empresas e Emprego”, unha cita que reuniu empresas e persoas na procura de novas oportunidades laborais. O obxectivo foi fomentar o contacto directo e mellorar a empregabilidade no territorio.
No evento participaron representantes da Asociación de Empresarias Rurais (ASER), Grupo Cercedasol, Leyma, Grupo Malasa, Reneymar e Sogama, que trasladaron aos asistentes as súas necesidades de contratación e recomendacións para acceder ao mercado laboral nun contexto cada vez máis competitivo e cambiante.
Tamén asistiu o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, quen agradeceu a colaboración entre axentes sociais para organizar iniciativas coma a deste luns, “beneficiosas para todas e para todos”. O alcalde subliñou a “aposta” do Concello por xerar postos de traballo: “Cando falamos de emprego, é fundamental o impulso das empresas, pero desde logo, que a Administración dea a man”.
Pola súa parte, a Confederación de Empresarios da Coruña destacou a boa acollida da xornada e o valor deste tipo de encontros para achegar empresas e talento. A representación empresarial detallou as necesidades das súas compañías en materia de recursos humanos, afondando nos perfís profesionais que precisan cubrir, en como participar nos procesos de selección e na formación que poden levar a cabo para incorporarse ao mercado laboral, unha cuestión clave para poder acceder a postos de traballo cualificado.
O programa ActivaVerde é un proxecto para mellorar a empregabilidade das persoas afectadas polo peche das centrais de Meirama e As Pontes, ofrecéndolles orientación, formación e acompañamento personalizado. Está financiado nun 70 % pola Unión Europea no marco do programa dos Fondos de Transición Xusta para España 2021-2027, e xestionado pola Xunta en colaboración con axentes sindicais e empresariais. Nel poden participar as persoas, empregadas ou desempregadas, afectadas polo peche das centrais térmicas e residentes na provincia da Coruña.
Ao remate do encontro, habilitouse un espazo de networking para favorecer o intercambio directo entre empresas e asistentes e, deste xeito, xerar unha contorna propicia para o establecemento de contactos profesionais e detectar posibles oportunidades de emprego.
O Concello de Cerceda chama á colaboración veciñal para detectar as zonas do municipio que carecen de cobertura 4G e 5G. A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) vén de lanzar dúas novas consultas públicas relacionadas co despregamento deste tipo de redes móbiles no rural, e unha delas afecta a Cerceda.
Segundo a cartografía facilitada polo organismo estatal, o municipio figura con cobertura integral en todo o seu territorio. Non obstante, os servizos municipais constataron que esta situación non se corresponde coa realidade, existindo aínda puntos sen acceso axeitado.
Por este motivo, o Concello promove unha consulta pública para identificar aquelas zonas sen cobertura móbil 4G/5G e que, polo tanto, poderían beneficiarse das futuras axudas destinadas á mellora das telecomunicacións no rural.
Neste sentido, faise un chamamento á axuda da veciñanza. Todas aquelas persoas residentes ou con actividade empresarial en Cerceda que non dispoñan de cobertura móbil 4G/5G no exterior dos seus inmobles (non se teñen en conta problemas de cobertura en interiores) poden comunicalo chamando ao teléfono 981 685 001 (extensión 2025) e facilitando o seu enderezo, co obxectivo de que o persoal técnico efectúe as comprobacións oportunas.
O prazo para a recollida destas incidencias remata o vindeiro 12 de abril, posto que o 13 de abril finaliza o período para que o Concello presente as alegacións correspondentes ante a SETID.
O Concello de Cerceda lembra que nos últimos anos xa se teñen desenvolvido distintas actuacións para mellorar a conectividade no municipio, como a cesión da rede eléctrica municipal para estender a fibra óptica ou a colaboración en programas impulsados por outras administracións. Con esta iniciativa, o goberno municipal trata de garantir que toda a veciñanza dispoña dun acceso digno e de calidade ás telecomunicacións. Dende o Concello agradécese de antemán a colaboración cidadá para que ningún punto do municipio quede sen cobertura.
Dende o 15 de marzo ao 15 de abril de 2026 está aberto o prazo de solicitude de renovación e praza nova na escola infantil "Os Pillabáns" para o curso 2026/2027.
A documentación precisa que se debe de adxuntar xunto co modelo de solicitude é a que se acompaña no anexo. Esta documentación debe ser presentada na Sede Electrónica do concello, no Rexistro Xeral ou en Servizos Socias do concello, en horario de 9.00horas a 14.00horas.
Máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 68 60 68
>>> Iniciar o trámite na sede electrónica
>>> Descargar formularios
Solicitude nova praza na escola infantil
Solicitude renovación praza na escola infantil


