O Concello de Cerceda despediu a tempada de apertura do Aquapark 2022 rexistrando o terceiro mellor verán en dez anos no que afluencia de público se refire, con 140.000 visitantes. Os días de máis afluencia resultaron o 10 de xullo, con 5.100 persoas usuarias; e o 9 de agosto, con 5.775 visitantes.

“Os números terían sido mellores si as condicións meteorolóxicas fosen favorables durante a segunda quincena de agosto”, admiten desde o Concello, aínda destacando “o balance positivo tras unha tempada que comezou con moitas incertezas, sendo a primeira posterior á pandemia”. 

A instalación recuperou as visitas escolares, campamentos, viaxes organizadas desde os diferentes municipios da comunidade galega, e tamén as actividades deportivas propias da programación estival municipal, a través do Verán Saudable.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, agradeceu “a implicación das persoas responsables para que o Aquapark de Cerceda continúe a ser unha instalación referente na comarca”, e sinalou que “toca agora traballar para preparar a tempada 2023 e acoller a todas as persoas que así o desexen poidan desfrutar no noso Aquapark”.

O Concello de Cerceda vén de rematar os traballos de aglomerado nunha pista de Rodís, no lugar de Vilamenán, intervención que contou cun orzamento de 36.215,95 euros. 

Trátase doutra das obras en virtude da mellora das conexións inter parroquiais, á vez que se optimiza a seguridade viaria na contorna. Faltan as tarefas de sinalización e pintado das liñas divisorias, que se executarán nos vindeiros días, en canto deixe de chover. 

Interviuse nun total de 375 metros de lonxitude, nunha vía que conta con 3,80 metros de ancho. Está contemplada unha cuneta de 100 metros, revestida de formigón, baixo a que se canalizará un tubo para recollida de pluviais, xunto con 4 arquetas con sumidoiro. 

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, insiste en que “isto vai na liña da importante aposta inversora para dotar ao mapa de estradas e vías municipais das mellores condicións para que a veciñanza as poida empregar”. 

 

O Concello de Cerceda rematou os traballos de saneamento e da creación dunha senda peonil en Xesteda, intervencións que contaron cun orzamento total de 484.913,84 euros.

No caso da rede de saneamento, parte das intervencións contaron con fondos municipais e parte provinciais. No tramo de Xesteda ata o núcleo de A Picota, executáronse 274 metros de canalización en tubaxe, previa execución das gabias, e a instalación de 7 pozos de rexistro. As obras completáronse coas reposicións dos pavimentos afectados. O Concello investiu 56.408,67 euros. 

Por outra banda, tamén se ampliou a rede desde Xesteda ata o cruce cara Londoño, estendendo este servizo en 735 metros de canalizacións e tamén coa instalación de 14 pozos de rexistro. Tamén incluíron as reposicións de pavimentos afectados. Con cargo ao Plan Único, a Deputación da Coruña aportou 55.126 euros.

En total, máis dun quilómetro de rede de saneamento completamente renovada, que se unen aos 24 pozos de rexistro instalados. 

Por outra banda, tamén tivo lugar a creación dunha senda peonil neste núcleo, en dous tramos. O primeiro unía O Acevedo co Pao do Lobo e co Uval, rematada hai varios meses. Ten unha lonxitude de 1250 metros, e un ancho de 2 metros.

Fai unha semana que se finalizaron as intervencións entre A Picota e o Campo da Festa de Xesteda, na estrada DP-2403, e ambas contaron cun importe de 373.379,17 euros. Esta última ten unha lonxitude de 750 metros cunha anchura de 2 metros. O pavimento conta de 20 centímetros de zahorra artificial e 15 centímetros de formigón coloreado con malla electrosoldada. Tamén se instalaron bancos de pedra e árbores. 

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, afirma que “estes traballos contribúen a afianzar Cerceda como referente de cara a fomentar as posiblidades de tránsito peonil en materia de mobilidade non motorizada”.

O Concello de Cerceda adxudicou a rehabilitación enerxética do Museo do Moucho por 165.224, 74 euros. O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, visitou esta mañá os traballos dun dos “edificios senlleiros do noso municipio”.

Actuarase sobre as fachadas para incrementar o aillamento térmico e a ganancia térmica solar. Executarase colocando placas de bordo escalonado co respectivo morteiro e cor, e na planta baixa realizarase unha fachada ventilada cun aplacado pétreo para protexer mecanicamente a estrutura.

Substituiranse tamén as carpinterías de aluminio, sen rotura de ponte térmica, por outras novas que conseguirán un aforro notable no sistema de calefacción do Museo.

En termos de certificación enerxética, a calificación final do proxecto mellora en dúas letras ás do edificio existente, actuando sobre a demanda global e a eficiencia do sistema de climatización. Pasará dunha clasificación C a A.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, destaca os traballos como “moi necesarios non só para mellorar a estética e habitabilidade, senón para facelo máis confortable para as persoas que traballan aquí e para todas aquelas persoas que empregan o edificio. Os noso maiores, que merecen as mellores condición posibles, as pesroas que fan uso da planta media para distintas actividades, e as e os visitantes. A redución nos niveis de huimidade, por exemplo, vai ser significativa”.

 

Cerceda, 2 de agosto de 2022 – O Concello de Cerceda iniciou os traballos de renovación do colector de saneamento do núcleo de Cerceda ao seu paso pola rúa mesón.

Preténdese actuar en 49 metros da rede e previa execución das gabias instalarase unha nova canalización con tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro, e tres pozos de rexistro.

Executaranse tamén oito acometidas domiciliarias mediante enlace colector, arqueta de saneamento e tubaxe de PVC. Estes traballos completaranse coa reposición do pavimento afectado de formigón reforzado e aglomerado.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, sinala que “as intervencións en materia de saneamento son fundamentais, xa que garanten a prestación dun servizo prioritario para a veciñanza”, e neste sentido, recalca que “a nosa idea é realizar estas tarefas alí onde sexa necesario para garantir o benestar das persoas de Cerceda”.

Con data 29 de xuño de 2022 foi aprobada pola Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Comunicación, a listaxe definitiva do alumnado admitido na escola infantil municipal "Os Pillabáns" para o curso escolar 2022/2023.

Informar ás persoas interesadas que disporán dun prazo de 15 días naturais, que contarán dende a data de recepción da notificación da concesión da praza, para confirmar a matricula e formalizar o contrato. Deberán presentar a documentación no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9.00h. a 14.00h. e provistos de:

  • Confirmación da matrícula
  • Contrato asinado (deberá recollerse e asinar previamente no departamento de Servizos Sociais)
  • Certificado médico do/a menor, indicando que ten todas as vacinas actualizadas
  • DNI orixinal daquelas persoas que queiran autorizar para que poidan recoller aos menores na escola

Se despois de rematar este período non se formaliza o contrato perderan o dereito á praza concedida.

Máis información no Departamento de Servizos Sociais ou no teléfono 981 68 60 68

O Concello de Cerceda convoca as axudas a través de incentivos á contratación temporal por conta allea para facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas participantes no Obradoiro de Emprego Cerceda- Tordoia- Trazo III.

Aquelas empresas ou autónomos con centros de traballo nos concellos de Cerceda Tordoia ou Trazo, que teñan interese en contatar un traballador ou traballadora das especialidades de “Montaxe e reparación de sistema microinformáticos” (IFCT0309) ou “Actividades auxiliares en mellora e conservación de montes” (AGAR0309), poderán beneficiarse desta axuda de 1.500 euros, sempre que o contrato sexa por un mínimo de tres meses.

Subvenciónanse tres contratacións, e o prazo de presentación de solicitudes vai dende o 27/06/2022 ata o 08/07/ 2022.

 

Ver ou descargar Bases BOP

Ver ou descargar solicitude (pdf)

Ver ou descargar xustificación (pdf)

Cerceda, 15  de xuño de 2022 – Comezan as obras da nova rede de saneamento de case 400 metros na rúa Acevedo, que complementa as xa iniciadas na Picota, en Xesteda, e as da rúa Mesón. As tres actuacións suman un investimento de 47.000 euros e que rematarán este mesmo verán. A actuación está financiada en parte polo POS UNICO da Deputación Provincial da Coruña. O alcalde Juan Manuel Rodríguez, asegura que todas estas actuacións de saneamento enmárcanse nas múltiples actuacións que puxo en marcha o Goberno local para  mellorar o este servizo básico en todo o termo municipal. De feito, o Concello licitou varias obras de este tipo nos últimos meses que perseguen o mesmo obxectivo.

Na rúa Acevedo prolongarase a rede de saneamento existente cunha execución de 360 metros de canalización en tubaxe e tamén se contempla a instalación de 7 pozos de rexistro. Tamén se levará a cabo a posta a cota dunha lousa de formigón existente para cruce dun rego, co fin de permitir o paso da nova canalización de saneamento. As obras complétanse coa reposición do pavimento afectado.

No caso da rede de saneamento de Xesteda ata o núcleo de A Picota, obra xa iniciada, está prevista a execución de 274 metros de canalización en tubaxe, previa execución das gabias, e a instalación de 7 pozos de rexistro. As obras complétanse coas reposicións dos pavimentos afectados.

E, por último,  renovarase  o colector de saneamento da rúa Mesón nun  treito de 49 metros da rede saneamento deste o núcleo de Cerceda ó seu paso pola rúa Mesón. A actuación contempla a execución  de oito acometidas domiciliarias mediante enlace colector, arqueta de saneamento e tubaxe. Estas obras complétanse coa reposición do pavimento afectado.

 

Cerceda, 7 de xuño de 2022 – O Concello de Cerceda licita as obras de mellora de varios camiños municipais; Xermar á zona de eólicos,  Portobrea a Ponte Areosa, e Virís; a ampliación de saneamento na Silva; e o acondicionamento cuneta zona campo da Xesteda. As obras, financiadas a cargo do POS da Deputación contan con un orzamento de preto de 100.000 euros.

En concreto, a actuación permitirá arranxar o camiño de Xermar á zona Eólicos nun tramo de 650 metros e coa apertura de gabias e a colocación de taxeas de formigón para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal. No caso da mellora do camiño Portobrea ata Ponte Areosa as obras dividiranse en dous tramos que incluirán a mellora da capa de rodaxe cunha nova superficie de rodaxe e un reforzo no drenaxe así como como o pintado de marcas viais para sinalización. En Viris, renovarase todo o firme ao longo de 900 metros de lonxitude e novas gabias para mellorar o drenaxe.

Por outra banda, ampliarase dentro desta actuación a rede saneamento na zona da Silva coa canalización de augas residuais de case 400 metros de tubaxe e a reposición do pavimento integral no mesmo espazo.

Canto ao acondicionamento da cuneta na zona do campo da Xesteda a intención é facela transitable cunha capa de formigón previa demolición do pavimento existente.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinala que se trata de obras demandadas pola veciñanza que “melloran a seguridade viaria e os servizos básicos, fundamentais para o benestar do noso Concello”, apuntou.

Cerceda, 14  de xuño de 2022 – Hoxe tivo lugar a entrega do Premio “Recíclate con Sogama” 2021-2022,  que ten por obxectivo divulgar a oportunidade que representa para o medio ambiente transformar os residuos en recursos. Nesta ocasión os alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro da Silva recibiron o terceiro premio, dotado co 700 euros polo seu deseño orixinal sobre a concienciación da reciclaxe como ferramenta fundamental para protexer o medio ambiente.

 O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, acompañado da concelleira Cristina Capelán, asistiron a entrega de premios e destacaron o compromiso dos alumnos e alumnas do CEIP Celso Emilio Ferreiro co medio ambiente. “Quixera agradecer a Sogama a convocatoria destes premios e felicitar aos alumnas e alumnos da Silva e ao propio centro educativo polo seu traballo en defensa do noso medio ambiente”, asegurou o primeiro edil. Os alumnos recibiron o premio de mans do propio  presidente de Sogama, Javier Domínguez.

O proxecto dos alumnos e alumnas da Silva contaba con imaxes deles mesmos suxeitando residuos que tiñan que ser reciclados e convidando á sociedade a activar os seus sentidos a tomar conciencia da realidade e “pasar á acción para gañar a loita ao cambio climático. Baixo o lema: “Non deixes que os residuos bloqueen os teus sentidos: observa, escoita, reivinda, móvete. Segrega!”, os estudantes de Cerceda acadaron un premio moi merecido.

Sogama destacou o nivel das propostas deste ano canto a súa creatividade, orixinalidade e a mensaxe medioambiental que transmite e que logrou un impacto positivo de concienciación da poboación sobre a necesidade da reciclaxe.

Cerceda, 6  de xuño de 2022 – O Concello de Cerceda vén de licitar unha actuación de mellora de seguridade viaria que contempla o arranxo do pavimento en cinco vías municipais e un total de dous quilómetros de lonxitude. O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que unha das prioridades do seu goberno é dotar de maior seguridade viaria a todo o concello, tanto para peóns como para vehículos. “Seguimos investindo en seguridade viaria, seguimos conectando as nosas parroquias e seguimos mellorando a mobilidade en Cerceda”, apuntou. As obras contemplan melloras nos sistemas viarios de acceso ao Viveiro de Empresas, Francelos, Virís-Touril, Boedo á Ponte e Tilleiro a Londoño.

As obras permitirán actuar no pavimento deteriorado que presenta o sistema viario de acceso ao Viveiro de Empresas , de 200 metros de lonxitude e, por outra banda, a construción dunha beirarrúa  por unha das marxes da estrada dotando a este acceso de maior seguridade para os peóns. Na mesma liña, as obras prevén a mellora do vial en Francelos cun fresado de 600 metros cadrados e a demolición de 300 metros cadrados de pavimento, superficies sobre as cales se executará un novo firme que se completará coa substitución da barreira de seguridade existente.

Mellorarase tamén o Camiño Virís- Touril, cunha lonxitude total de 600 metros. Preténdese a mellora da superficie de rodaxe e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas.

Asemade, o camiño de Boedo á Ponte, cunha lonxitude de 500 metros, atópase dentro dos camiños a renovar. Renovarase o asfalto coa instalación de novas gabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como como o pintado de marcas viais para sinalización horizontal.

 

E, por último, actuarase nos accesos desde Telleiro a Londoño ata túnel ferrocarril. Unha conexión viaria de 650 metros de lonxitude e catro metros de ancho cun novo rego de selado a toda a plataforma. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias e a colocación de 6 metros de taxea de formigón para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal.

 

O prazo para executar as obras unha vez estean adxudicadas é de seis meses-

 

 

 

O alcalde visita o inicio das obras en Xesteda

Cerceda, 31 de maio de 2022 – O Concello de Cerceda comeza a reforma do interior do edificio municipal que se atopa preto da área recreativa de Xesteda para convertilo nun Centro Social e Cultural, nun proxecto que pretende dinamizar a parroquia, dando servizo e actividade á súa poboación cunha instalación acorde ás necesidades demandadas pola veciñanza.

O obxectivo do goberno local e que o inmoble acolla actividades de todo tipo, e para todas as idades, de diversa índole como culturais, educativas, lúdicas e asociativas, xa que actualmente esta parroquia non conta con ningún local destas características.

Así, actuarase no acceso cara o primeiro andar desde o exterior polo baixo, así como un espazo fóra que servirá como aparcadoiro. No que se refire o interior, adecuaranse os espazos referentes o vestíbulo de acceso, o aseo da planta baixa, o almacén da planta baixa, o vestíbulo e o aseo da primeira planta e as dúas salas multiusos do primeiro andar.

Tamén se executarán todos os acabados interiores, en tarima de madeira laminada nas salas multiusos do primeiro andar, e en gres cerámico nos restantes espazos. Colocaranse elementos de illamento térmico nas fachadas. Realizarase unha renovación total da carpintaría e executaranse as instalacións de fontanaría, saneamento, baixa tensión e alumeado.

O alcalde, Juan Rodríguez, acudiu hoxe ao comezo dunhas obras “coas que queremos dinamizar a vida asociativa, cultural e lúdica no noso municipio”, apuntou.

Páxina 7 de 26