A industria en Cerceda

A relevancia do tecido industrial de Cerceda, en continuo proceso de desenvolvemento e diversificación, non se explica sen a aplicación dunha serie medidas entre as que cómpre sinalar a creación de solo industrial, as axudas públicas ao investimento, a captación de proxectos empresariais ou a mellora da rede de comunicacións.

A aplicación de políticas orientadas a potenciar este tecido e crear emprego está sendo chave para neutralizar as consecuencias do esgotamento das reservas do xacemento de lignito de Meirama a finais de 2007 e mais o consecuente peche da central térmica que, nos anos 80, marcara a transformación industrial dun municipio cuxa base económica se sustentara ata aquel momento nas actividades agropecuarias.

Con todo, o proceso de diversificación industrial e a implantación de novas empresas en Cerceda remóntase xa a comezos dos anos 90, coa creación de Sogama (Sociedade Galega de Medio Ambiente) e co xurdimento de proxectos empresariais vinculados aos sectores produtivo e de servizos. Este desenvolvemento industrial acelerouse aínda máis a finais dos 90, cando se instalaron as primeiras empresas no polígono industrial do Acevedo.

O Concello de Cerceda, a través de medidas como as mencionadas e procurando novas alternativas para a zona, soubo adiantarse ao cese da actividade en Meirama e minimizar así o impacto laboral que este peche podía ter sobre un municipio que roza hoxe o pleno emprego. Neste punto hai que situar por exemplo a posta en marcha dun Plan experimental de emprego ou dunha Oficina de Captación de Proxectos e Investimentos a través da cal se ten fomentado, na medida do posible, a incorporación preferente de homes e mulleres de Cerceda ao tecido empresarial do municipio.

Axudas ao investimento

No reforzamento das perspectivas económicas do termo tamén xogou un papel determinante a clasificación de Cerceda como municipio RECHAR por parte da UE, pois representou a obtención dunha serie de apoios, canalizados a través do Plan MINER do Ministerio de Industria, orientados á reindustrialización do municipio e a promover a localización de proxectos de investimento empresarial. A aplicación do MINER concrétase en axudas a fondo perdido ao investimento de proxectos empresariais xeradores de emprego nunha serie de convocatorias anuais e sucesivas que van de 2006 a 2012 e ás que se poden acoller todas aquelas empresas públicas ou privadas, cooperativas, traballadores autónomos... con un proxecto de investimento.

Esta clasificación supón tamén un importante investimento en infraestruturas viarias para a conexión do parque empresarial coas principais vías de comunicación galegas. Con estas novas vías Cerceda sitúase a menos de 20 minutos de todos os servizos da Coruña -co que suporá no futuro a proximidade ao porto exterior-, Santiago, Arteixo, Carballo e dos aeroportos de Lavacolla e Alvedro. A todo isto haberá que engadirlle no futuro os beneficios que reportará a chegada do tren de alta velocidade, con estación no municipio.

Potencial turístico

Todas estas circunstancias, unidas aos económicos prezos do solo industrial, abren perspectivas económicas moi boas para o municipio, que se sitúa xa na actualidade como un dos concellos coa renda per cápita máis alta de Galicia e cunha dotación de servizos equiparable á de concellos que contan con moita máis poboación.

Cómpre destacar a maiores que grazas a investimentos de gran rendibilidade para o municipio (Aquapark) e a outros proxectos que xa comezaron a tomar forma (lago de Meirama), Cerceda perfílase tamén como un concello de enorme potencial turístico.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para proporcionar os nosos servizos e realizar análise de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso.

Pode consultar máis información aquí.

Entendín